Existe a cultura rave?

Hai ano e medio aproximadamente estiven en Alemaña. Estivera xa en diversos países, pero nunca visitara o territorio alemán, neste caso Berlín. Era unha especie de viaxe de fin do máster que estaba facendo en produción musical en Finlandia (daquela eu vivía en Suecia). O caso é que escolleron Alemaña pola cultura musical que se vive alí, pola vida nocturna e porque quedaba máis ou menos preto para todos, xa que de feito fixeramos saídas extra tamén a terras finlandesas e suecas.

Esta, a de Alemaña, fora unha viaxe moi especial. Creo que tiven os mellores acompañantes posibles (todos compañeiros do máster), e a algúns deles consideroos amigos. Saímos varias veces a algunhas raves de interior, lugares moi carismáticos e alternativos, con luces hipnotizantes, lagos, espazos de lecer, salas e postos para comer algo. Tamén fomos a un lugar onde había que descalzarse para entrar (e confiar). Alí, nunha das zonas de lecer, déronnos conversa uns homes duns 55 ou 60 anos; viñan de ver a Moby, un produtor de música electrónica que seguro que todos escoitastes e que a min me gusta moito. Decidimos ir bailar un pouco e o primeiro DJ xa me encantou. Recordo o baile daqueles homes: gustoume porque era un baile propio, persoal, libre. Era xente desfrutando sen pretensións, sen ter que aparentar nada, só deixándose levar. A un deles aínda o lembro: expresaba a crudeza da música, o seu corpo manifestaba unha forma de entender o mundo, o seu propio mundo.

A electrónica gústame desde pequeno. Teño memoria de grabar cintas e ter moitos delas do recopilatorio “Technics” que traía diferentes estilos dentro da electrónica. Hai moitas maneiras de entender a música, pero a min a electrónica levántame, actívame e faime reflexionar tamén. Aínda que escoito moitos xéneros, a música como a comida. Eu vou, en parte as festas, por iso: se a música non me levanta, hai pouco que facer. Fun a algunhas raves en Suecia, das que se adoitan facer no verán; os escenarios son normalmente no bosque, co sol pegándoche na cara ás tres da mañá ao ritmo de persoas que bailan, cada unha coa súa forma de ser. Alí vías dende xente disfrazada de adas e con vestidos de cores vivas, ata persoas que ían simplemente con roupa cómoda para facer deporte. Porque iso é o bonito: ser de formas diversas, como diversa é a xente e diversos os seus movementos. Sempre me atopei con persoas moi raras, coma min, e iso encántame porque alí non hai espazo para os prexuízos. A música nas raves non ten prexuízos; alí danse texturas de sons (especialmente no trance) que non poderían existir doutro xeito.

Pero, é a cultura rave unha cultura de verdade? Eu podo dicir que a xente que me atopei era interesante, con valores, boa xente… xente disposta a compartir, compartir música e unha forma de vida, sen xudgar, festa e divertimento, porque, non viñemos á vida só a sufrir, non si?

E vós que pensades? Existe a cultura rave?

Leave a Reply

Scroll to Top

Discover more from Corpo Nu

Subscribe now to keep reading and get access to the full archive.

Continue reading