Breogán xa está fóra. Pero este non é só un single máis; é a peza central dunha viaxe que comezou moito máis lonxe do que as gaitas e as pandeiretas poderían suxerir.
Unha tese, seis anos en Estocolmo e un fogar
Despois de vivir seis anos en Suecia, este tema naceu como parte da miña tese de investigación (Reimagining Galician Folk). Alí, entre paisaxes escandinavas e sintetizadores, empecei a preguntarme como soaría a nosa tradición se a pasamos polo filtro da electrónica contemporánea. O resultado é o meu novo EP, “Nada para Marte”, do que Breogán é o primeiro adianto.
O son: Das mesas de Estocolmo á lareira na casa
A produción de Breogán é un crebacabezas de vida e fogar:
- Percusión orgánica: A base rítmica non naceu nun estudio de luxo; grabeina batendo na mesa do meu estudio en Estocolmo, buscando ese son cru e real.
- A familia: As pandeiretas teñen o toque de Marta Alonso, a miña irmá. Grabeinas o pasado verán na casa dos meus pais mentres estaba de vacacións. Esa conexión familiar é o que lle dá alma ao tema.
- Hibridación: Entre esas capas orgánicas, mesturei samples que eu mesmo fun capturando e instrumentos MIDI para crear esa paisaxe sonora que mira ao futuro sen esquecer de onde vén.
¿Quen é Breogán?
Esta canción fala da identidade e da pertenza. Fala do que significa emigrar, de medrar lonxe da túa terra pero sentindo o amor por unha cultura que levas dentro.
“Breogán somos todos, non só os que nacemos aquí.”
É un recoñecemento ao noso pasado e ao noso presente. Un berro de pertenza dende a diáspora cara ao mundo.